LENDAS (Neiras)

A OLA DA DEVESA

É unha poza fonda e negra onde brúa o regato polos muiños do Fervedón. Para mirarlle a profundidade metíaselle a corda dun carro cun peso na punta sen que nunca ninguén lle dera chegado ó fondo. Según o avó da Maika, metéronse dous buzos por el e tardaron dous días en saír, tan grande é alí no fondo; e grazas, que cando xa se daban por perdidos, viron a luz da poza e puidéronse guiar. Según a crenza popular é un lugar de moitísima auga e está todo minado por baixo formando unha lagoa grandísima, á que vai dar un pasadizo que sae da Roda do Castro. Rego abaixo hai un lugar ao que chaman A Lagoa. 
      
*Maika do Vilar --- Neiras --- 24-VI-2005.
*Manoliño da Devesa --- Neiras --- 24-XI-2005.


A PENA DA MOURA DO VILAR

Hai xa moito tempo que andaba unha moza co gando no monte da Cortiña do Vilar. Cando viña para a casa, polo camiño, atopouse cunha fermosa moura, de ollos azuis e louros cabelos que peinaba ó sol; o seu reflexo facíaos parecer de ouro.
A moura compadeceuse da rapaza e fíxolle un regalo: mandoulle pechar os ollos, púxolle algo dentro do delantal, e díxolle que non podía miralo ata chegar á casa.
Polo camiño, a rapaza non resistiu a curiosidade e mirou: e viu que eran carbóns. Enfurruñada, tirou con eles, e os carbóns, sen que a rapaza se dera conta volvéronse lagartos xigantes. Ía camiñando cando sentiu un ruido por detrás e mirou, e os lagartos comérona.
Contan que cando os raios de sol dan na pena, sae a moura a peitear os cabelos na compaña da rapaza.

Maika do Vilar --- Neiras --- 6-IX -2005.


O TESOURO DA DEVESA

Ao parecer, a casa do Manoliño da Devesa fixérona uns romanos que apareceron polo lugar cuns burros cheos de ouro. Esconderon o ouro en distintas partes da casa e nos arredores: tanto agocharon que ata os ratos o sacaban dos seus escondrixos. Nunha ocasión viñeron uns ladróns, colleron a muller da casa e ameazaron con matala se non lle dicía das riquezas; o home, que estaba agochado, colleu unha ecopeta e matou aos ladróns. Acabaron desaparecendo para sempre na Ola, ese fondo burato que comunica cunha lagoa subterránea da que non se lle coñece a profundidade.
Andando os anos, a criada, para quedarse co tesouro, envelenou aos amos e tirounos á Ola, sen que ninguén, nunca, volvera saber máis deles; criou aos pequenos e fíxose ama de todo.

Maika do Vilar --- Neiras --- 24-VI-2005.


Din que no Tesouro hai unha pedra con inscripcións que garda moitas riquezas.


* Manuela Sáez de Monforte de Lemos que ía de pequena a Castroseiros --- Neiras --- 2005.
* Chon e Chelo de Castroseiros --- Neiras --- 26-X-2006.


ELEMENTO MATERIAL: Por riba mesmo do pobo da Devesa, nas abas da Roda do Castro, hai unha finca que lle chaman O Tesouro. No cima do eido hai unha fonte da que levaban a auga a través dunha canalización de pedra.

AO REDOR DA LENDA: O manolo da Devesa. ademáis de ser bo e xeneroso, e todo un personaxe. É capaz de encontrarche auga co seu péndulo e dicirche a profundidade a que está e mesmo pode utilizalo para dicirche onde se localiza o mal nun corpo. Chámano de moitos lugares e, polo que temos oído, é infalible buscando abondosos mananciais. Entre as moitas destrezas que posúe, ten fama de ser un dos mellores carpinteiros da comarca. Un dos seus traballos máis coñecidos é unha réplica do carro da Virxe dos Anxos en Lobios.

Sem comentários: